INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
 
Ficha de Axuda
* Aviso: A información contida neste resumo ten únicamente efectos informativos, cómpre consultar a orde publicada no DOG para obter a información completa.
   
FICHA EN WORD
VIXENCIA * LEXISLACIÓN

Xerar documento de Word imprimible.

O prazo de presentación finalizou o 12/07/2012
Resolución do 1 de xuño de 2012 (DOG Nº111 do 12/06/2012) - Bases e convocatoria 2012.
Resolución do 5 de setembro de 2013 (DOG Nº170 do 06/09/2013) - Modificación das bases
ORGANISMO
IGAPE- Instituto Galego de Promoción Económica
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
IG191 - BOLSAS FORMATIVAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS DE MELLORA DAS PEMES GALEGAS
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
O obxecto destas axudas é a concesión do número de bolsas indicado na resolución de convocatoria para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas coa finalidade de formar a titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa.

Os titulados incorporaranse en primeiro lugar a un itinerario formativo específicamente deseñado para a participación no programa, e a continuación realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora a implantar en pequenas e medianas empresas, período no que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.

3. TIPOS DE APOIO
Bolsas en réxime de concorrencia competitiva.

4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

1.- O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

- Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.
- Ser natural de Galicia.
- Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.

2.- Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.

3.- Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: física, enxeñería, matemáticas, química, ciencias económicas e empresariais, administración e dirección de empresas, ciencias empresariais, economía, e dereito. A titulación deberá terse obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2006.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

4.- Non ter concedida mediante resolución ou desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape, así como non estar desfrutando durante o proceso de selección dunha bolsa no Igape concedida a través doutras institucións.

5.- Non ter desfrutado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

6.- Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación esixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.

7.- Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

8.- Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

5. SECTORES INCENTIVABLES
-
6. REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROXECTO
* Duración e destino:

- A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de 12 meses, contados desde a asignación do bolseiro ao seu destino, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo de ata catro meses adicionais.
- As bolsas desfrutaranse en destinos escollidos polo Igape, baixo a supervisión de axentes colaboradores concertados que participen na prestación ás pemes de servizos de mellora da competitividade.
- Poderanse establecer listas de reserva para cubrir posibles desistencias ou renuncias por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización que tivese a bolsa inicial. Non poderán concederse bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a catro meses.

* Programa de formación teórica:

Tras a avaliación das solicitudes cursadas, o Igape organizará un curso de formación teórica destinado aos bolseiros seleccionados.

Este curso terá a consideración de non computable no período da bolsa, será gratuíto e non remunerado e será obrigatorio para acceder ás prácticas formativas, entendéndose a non asistencia como renuncia á solicitude, procedéndose ao arquivo da mesma.

O curso constará dun mínimo de 80 horas de formación, e estará baseado nunha formación específica nas materias que, constituirán o obxecto das prácticas formativas.

* Prácticas formativas:

As prácticas formativas realizaranse baixo a supervisión do Igape en axentes colaboradores concertados que participen na prestación de servizos de mellora da competitividade ás pemes.

O Igape e o axente colaborador establecerán, mediante convenio, o programa de prácticas formativas para cada unha das tipoloxías de proxectos de mellora, no que se detallarán as actividades do bolseiro, a documentación na que se reflectirán as mesmas, así como a formación específica que se deberá impartir ao bolseiro para a súa execución. Ao longo das prácticas formativas programaranse ata 80 horas adicionais de formación nas materias obxecto das prácticas.

7. CUALIFICACIÓN REQUERIDA DO PROXECTO
-
8. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
-
9. CONTÍA DAS AXUDAS
A contía das bolsas é de 9.960 euros anuais (830 mensuais). En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.

Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa a seguridade social, no seu caso, os impostos de carácter persoal así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o desenvolvemento das fases teóricas ou prácticas da bolsa.

10. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

11. INCOMPATIBILIDADES
As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro.

A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa.

12. REFERENCIA LEXISLATIVA
Resolución do 1 de xuño de 2012 (DOG Nº111 do 12/06/2012) - Bases reguladoras e convocatoria 2012.
Resolución do 5 de setembro de 2013 (DOG Nº170 do 06/09/2013) - Modificación das bases reguladoras
13. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
Información:

- Nas oficinas do Igape
- Por teléfono: 902 300 903 / 981 54 11 47
- Por correo electrónico: informa@igape.es
- Na web do Igape: www.igape.es

Tramitación:
Os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47.

As solicitudes presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas que será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior e xuntar ao cuestionario de solicitude o currículo vitae.

14. OBSERVACIÓNS
A Área de Competitividade valorará as solicitudes de acordo co seguinte baremo:

a) Ata 5 puntos polo expediente académico, segundo a media que se ache utilizando o seguinte baremo de puntuación:
Matrícula de honra - 5 puntos
Sobresaínte - 4,5 puntos
Notable - 3,5 puntos
Aprobado - 2,5 puntos

b) Ata 1 punto pola formación específica nos ámbitos relacionados no artigo 1 destas bases (masters, curso de postgrao, cursos ou similares), polo que os candidatos que acrediten a realización dun curso completo nesta materia de duración igual ou superior a 600 horas ou 60 créditos obterán un punto neste apartado, ou medio punto se o curso acreditado é de duración igual ou superior a 300 horas ou 30 créditos e inferior a 600 horas ou 60 créditos.

c) 1,5 puntos se a titulación que acredita o candidato é unha das seguintes titulacións superiores:
Administración e Dirección de Empresas
Economía
Ciencias Empresariais
Enxeñerías

d) 0,35 puntos polo coñecemento da lingua galega, se acreditan posuír o certificado de lingua galega CELGA 3 ou equivalente.

e) 0,35 puntos polo coñecemento dalgún idioma estranxeiro a nivel polo menos B2 segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, acreditado mediante título oficial.

f) Situación de desemprego no momento de solicitar a bolsa. A valoración deste apartado será de 0,30 puntos.

A suma total destas puntuacións será como máximo de 8,5 puntos.

 
 
IGAPE - Instituto Galego de Promoción Económica - * Aviso Legal