INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
 
Ficha de Axuda
* Aviso: A información contida neste resumo ten únicamente efectos informativos, cómpre consultar a orde publicada no DOG para obter a información completa.
   
FICHA EN WORD
VIXENCIA * LEXISLACIÓN

Xerar documento de Word imprimible.

O prazo de presentación finalizou o 06/06/2012
Resolución do 15 de abril do 2010 (DOG Nº80 do 29/04/2010) - Bases reguladoras
Resolución do 28 de setembro do 2010 (DOG Nº191 do 04/10/2010) - Ampliación prazo de execución
Resolución do 17 de decembro de 2010 (DOG Nº247 do 27/12/2010) - Convocatoria 2011
Resolución do 13 de febreiro de 2012 (DOG Nº39 do 24/02/2012) - Modificación bases
Resolución do 15 de abril do 2010 (DOG Nº71 do 13/04/2012) - Corrección de erros das bases
Resolución do 24 de abril de 2012 (DOG Nº85 do 04/05/2012) - Convocatoria 2012
ORGANISMO
IGAPE- Instituto Galego de Promoción Económica
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
IG174 - PROXECTOS DE MELLORA DOS EQUIPAMENTOS DAS PEMES DO SECTOR SERVIZOS CUN INVESTIMENTO SUPERIOR A 30.000 € E ATA 200.000 € (2012)
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
Mellora dos equipamentos das pemes do sector servizos cun investimento subvencionable superior a 30.000 € e ata 200.000 €.
3. TIPOS DE APOIO
Axuda a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
1. As pemes que teñan radicado algún centro de actividade de carácter permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan no centro radicado en Galicia algunha actividade empresarial non excluída no citado Regulamento (CE) nº 800/2008, xeral de exención por categorías, e acometan proxectos subvencionables.

2. Cumprindo os requisitos de domiciliación e actividade, poderán ser así mesmo beneficiarios:

a) As persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lles correspondan á agrupación.

b) As agrupacións de interese económico.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, segundo o Regulamento CE 800/2008. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Tamén será requisito a inscrición no Rexistro de establecementos industriais de Galicia para as empresas obrigadas a isto de acordo co disposto no Decreto 115/2000, do 11 de maio (DOG núm. 100, do 24 de maio do 2000)

5. SECTORES INCENTIVABLES
O proxecto subvencionable deberá, en todo caso, estar vinculado á consolidación ou posta en marcha dalgunha da seguintes actividades do sector sevizos independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:

a) A construción.
b) O comercio por xunto e o comercio polo miúdo: reparación de vehículos de motor e motocicletas (CNAE 09: grupos 45.1, 45.2 e 45.4)
c) O transporte e almacenamento.
d) Servizos hostaleiros de aloxamento.
e) Servizos de información e comunicacións.
f) Seguros, reaseguros e fondos de pensións excepto seguridade social obrigatoria, actividades financeiras auxiliares aos servizos financeiros e aos seguros.
g) Actividades inmobiliarias.
h) Actividades profesionais, científicas e técnicas.
i) Actividades administrativas e servizos auxiliares.
j) Educación.
k) Actividades sanitarias e de servizos sociais.
l) Actividades artísticas, recreativas e de entretemento.
m) Outros servizos.

* Non serán subvencionables as seguintes actividades:

a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura:
- CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40)
- CNAE 09: Grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38

b) O sector da industria siderúrxica:
- CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52

c) O sector de fibras sintéticas.

d) O sector do carbón e do aceiro:
- CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases)

e) O sector da construción naval:
- CNAE 09: Clase 30.11


6. REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROXECTO
a) Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, se é o caso, medioambiental.

b) O beneficiario deberá achegar unha contribución financeira, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Os proxectos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude no Igape. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude de axuda e dentro do prazo concedido para a execución dos proxectos.

Un solicitante só poderá presentar unha solicitude por convocatoria. Para estes efectos, consideraranse como único solicitante as empresas pertencentes a un mesmo grupo empresarial ou vinculadas entre si.

7. CUALIFICACIÓN REQUERIDA DO PROXECTO
Criterios de avaliación para a selección de proxectos:

a) Sectores de servizos de apoio, comercialización ou directamente relacionados cos prioritarios relacionados no anexo IV a estas bases (10 puntos).
b) Empresa adscrita a un clúster galego legalmente constituído (5 puntos).
c) Compromiso de creación de emprego na peme. 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear respecto aos traballadores existentes a 1 de xaneiro do ano da convocatoria. 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos a crear nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres. (0 - 20 puntos).
d) Localización do proxecto dentro de Galicia, segundo o anexo III a estas bases (0 - 20 puntos).
e) Grao de innovación:
i. A nivel de empresa:
1. Xeración dun novo servizo (15 puntos).
2. Procesos non realizados previamentes (10 puntos)
3. Mellora ou automatización de procesos preexistentes (5 puntos)
ii. Orixe da innovación (lugar de fabricación dos activos que se van implantar):
1. Galicia (15 puntos)
2. Resto de España (10 puntos)
3. Estranxeiro (5 puntos)
f) A existencia de sistemas de calidade e de xestión ambiental certificados por entidade acreditada (10 puntos)
g) A utilización da lingua galega na actividade subvencionada (5 puntos).
8. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
* Conceptos subvencionables:

a) Bens de equipamento de carácter tecnolóxico en xeral ligados directamente ao servizo prestado pola peme.

b) Equipamentos para proceso de datos.

c) Software ligado ao servizo prestado pola empresa, cos requisitos do artigo 4.1.b) do Decreto 432/2009, do 11 de decembro, non sendo subvencionable calquera software que apoie procesos internos da empresa (como o propio ERP da empresa)

d) Activos fixos destinados ao almacenaxe e loxística (andeis, sistemas de automatización, etiquetaxe e lectura de datos, elementos de transporte interior).

e) Mobiliario e elementos decorativos, limitados ao 20% do investimento subvencionable total.


* Condicións dos gastos subvencionables:

- Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados, sobre os cales se solicita subvención, con carácter previo á solicitude de axuda, de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Texto Refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor (RDL 3/2011, do 14 de novembro), o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas deberán adxuntarse ao cuestionario de solicitude.

- Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade.

- O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

- Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

- No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

- Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

- En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado

9. CONTÍA DAS AXUDAS
Mínimo dun 15% e un máximo de axuda do 40% sobre os gastos subvencionables
10. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día inicial ou final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte (Prazo ata o 06/06/2012)

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

11. INCOMPATIBILIDADES
Estas axudas son incompatibles con calquera outra liña de axudas ou subvencións para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE.

Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas: 40% do gasto subvencionable para medianas empresas e o 50% do gasto subvencionable para pequenas empresas, excepto no sector do transporte que será o 30%.

12. REFERENCIA LEXISLATIVA
Resolución do 15 de abril do 2010 (DOG Nº80 do 29/04/2010) - Bases reguladoras das axudas á reorientación e competitividade.
Resolución do 28 de setembro do 2010 (DOG Nº191 do 04/10/2010) - Ampliación do prazo de execución
Resolución do 17 de decembro de 2010 (DOG Nº247 do 27/12/2010) - Convocatoria 2011
Resolución do 13 de febreiro de 2012 (DOG Nº39 do 24/02/2012) - Modificación das bases reguladoras
Resolución do 15 de abril do 2010 (DOG Nº71 do 13/04/2012) - Corrección de erros das bases reguladoras
Resolución do 24 de abril de 2012 (DOG Nº85 do 04/05/2012) - Convocatoria 2012

13. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
Información nas oficinas territoriais do IGAPE e no Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47. Tamén a través de www.igape.es ou en informa@igape.es

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

14. OBSERVACIÓNS
O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á devandita data (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).

A data límite de presentación da solicitude de cobramento será o 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión, excepto no caso de presentación de recurso administrativo no que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.
 
 
IGAPE - Instituto Galego de Promoción Económica - * Aviso Legal