INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
 
Ficha de Axuda
* Aviso: A información contida neste resumo ten únicamente efectos informativos, cómpre consultar a orde publicada no DOG para obter a información completa.
   
FICHA EN WORD
VIXENCIA * LEXISLACIÓN

Xerar documento de Word imprimible.

O prazo de presentación finalizou o 13/08/2010
Resolución do 12 de marzo (DOG Nº59 do 18/03/2008) - Bases reguladoras
Resumo datos básicos (formato RTF)
Memoria descritiva (formato RTF)
Resolución do 12 de marzo de 2008 (DOG Nº73 do 16/04/2008) - Corrección de erros
Modelo acreditación fontes de financiamento (formato RTF)
Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG Nº31 do 13/02/2009) - Modificación das bases reguladoras dos Incentivos Económicos.
Formularios
Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG Nº40 do 26/02/2009) - Corrección de erros da modificación das bases
Resolución do 19 de novembro de 2009 (DOG Nº231 do 25/11/2009) - Apoios específicos á provincia de Lugo
Resolución do 19 de novembro de 2009 (DOG Nº231 do 25/11/2009) - Apoios específicos á provincia de Ourense
Resolución do 10 de xuño de 2010 (DOG Nº118 do 23/06/2010) - Ampliación orzamentaria
Resolución do 10 de xuño de 2010 (DOG Nº127 do 06/07/2010) - Corrección de erros
ORGANISMO
IGAPE- Instituto Galego de Promoción Económica
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
IG100 - INVESTIMENTO EMPRESARIAL SUPERIOR A 500.000 € (ART. 4.1) - Bases 2008
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
Favorecer a implantación de proxectos de investimento empresarial superior a 500.000 € para a creación de novos establecementos, ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente.
3. TIPOS DE APOIO
Subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
Sociedades con obxecto empresarial, existentes ou en constitución, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa obxecto de apoio na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Desenvolver no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan no artigo correspondente.
c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
d) En todos os casos estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión da Unión Europea, que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
e) Presentar un proxecto no que o seu investimento subvencionable, supere os 500.000 €, que sexa viable técnica, económica e financeiramente. Para estes efectos, o Igape poderá exixir nas resolucións de concesión, un determinado nivel de fondos propios a acreditar polo beneficiario.
f) No caso de ampliacións de instalacións existentes, o investimento subvencionable deberá ser, ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.
g) Comprometerse a manter o emprego existente.
h) Comprometerse a manter unha determinada composición do accionariado nos supostos en que esta represente un elemento substancial para garantir a viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto e así se establecese na resolución de concesión.
i) No caso de proxectos específicos de protección e mellora medioambiental, ademais de cumprir os requisitos anteriores, o obxecto social da empresa solicitante deberá contemplar como actividade principal a realización dalgunha das seguintes:
- Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.
- Fabricación de equipamento para instalacións de xestión e tratamento de residuos, redución ou eliminación da contaminación.

En base ao interese estratéxico dun proxecto para Galicia, o Igape poderá eximir motivadamente do cumprimento dalgún dos requisitos anteriores. Será competente o director xeral, salvo para aqueles expedientes de axuda superior a 500.000 € que necesitarán acordo do Consello de Dirección do Instituto.

Para aquelas actividades que se atopen comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nesta base axustaranse en cada caso ás ditas normas específicas.

5. SECTORES INCENTIVABLES
Coas excepcións por actividade establecidas no Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías, os proxectos subvencionables deberán en todo caso estar vinculados a algunha destas actividades, independentemente de calqueira outra que, ademáis desempeñe o solicitante:

a) A extracción, procesamento, transformación ou produción de minerais, produtos enerxéticos ou os seus derivados.
b) A industria.
c) Turismo: hoteis de 4 ou máis estrelas, balnearios e baños, podendo incluír instalacións complementarias; portos deportivos de acceso público.
d) Actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.
e) Transporte e loxística.
f) Servizos de apoio industrial.
g) Tamén poderán ser incentivados, con especial consideración, os investimentos para a creación ou ampliación de centros de desenvolvemento, investigación, ensaios ou laboratorios, xunto con instalacións piloto de experimentación de novas tecnoloxías, vinculados ás empresas cuxa actividade principal sexa subvencionable ou aínda cando non sexa subvencionable, excepcionalmente e por acordo motivado, sempre que o interese estrátexico do proxecto así o aconselle. Será competente para ditar o dito acordo o director xeral, salvo para aqueles expedientes de axuda superior a 500.000 € que necesitarán acordo do Consello de Dirección do instituto.

6. REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROXECTO
Serán subvencionables os investimentos en bens de primeiro uso empresarial realizados e pagados con posterioridade á recepción da notificación do Igape da ELEXIBILIDADE do proxecto e ata a data de finalización do prazo concedido para a execución do proxecto (Non serán subvencionables os proxectos cuxa execución sexa iniciada previamente á confirmación por escrito do Igape)

No caso de investimentos en obra civil, os solicitantes estarán obrigados a levantar acta notarial que reflicta fidedignamente con posterioridade á recepción da notificación de elixibilidade do Igape, a non iniciación da obra.

Cando o importe do gasto subvencionable supere os 30.000 € pola execución da obra ou os 12.000 euros polo subministro dos bens de equipamento, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas a diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a execución da obra ou a entrega do ben. (A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, deberá xustificarse nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa).

Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes da finalización do prazo de vixencia.

O investimento terá que manterse no centro de traballo en Galicia durante os cinco anos seguintes á finalización do prazo de vixencia.

No caso dos activos intanxibles para ser considerados subvencionables, ademais deberán cumprir todas estas condicións:
1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
2) consideraranse activos amortizables;
3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa;
4) deberán incluírse nos activos da empresa.
7. CUALIFICACIÓN REQUERIDA DO PROXECTO
-
8. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
Serán conceptos subvencionables excluíndo impostos, taxas e arbitrios os seguintes:

* Investimentos realizados en:
a) Adquisición dos terreos necesarios para acometer o proxecto, traídas e acometidas de servizos, urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades do proxecto. A contía máxima subvencionable de custo de terreo non poderá superar o 10% do investimento subvencionable total.
b) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.
c) Adquisición de inmobles.
d) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os elementos de transporte exterior.
e) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.
f) Aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licenzas de fabricación e patentes, gastos de I+D e outros activos intanxibles ligados a proxectos de innovación tecnolóxica, en contía non superior ao 50% do investimento subvencionable aprobado.

* Custos de formación específica do persoal para a implantación do proxecto de investimento cando as características da formación en relación coa actividade que se vaia desenvolver así o xustifique.
Límite máximo de custo apoiado do 20% do investimento subvencionable do proxecto.
A intensidade de axuda para os custos de formación específica será en todo caso do 25% dos custos subvencionables para as empresas que non cumpran a condición de Peme, do 35% para as medianas empresas e do 45% para as pequenas empresas.

Para a determinación do importe do investimento e gastos subvencionables, observarase os criterios e módulos de custo máximo subvencionable que poida aprobar o Consello de Dirección do Igape para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición.

Naqueles casos de subvención ao terreo, construcións e urbanizacións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen fosen propiedade da empresa ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión da subvención fosen alleadas as instalacións da antiga localización da empresa e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

9. CONTÍA DAS AXUDAS
Con carácter xeral ata un máximo de axuda do 30% sobre os investimentos subvencionables.

No caso de adquisición de terreos localizados en polígonos de promoción pública realizada directamente ao organismo promotor, concederase unha subvención de ata o 50% do seu prezo, dentro do límite máximo de intensidade de axuda global do 30% e da limitación do importe subvencionable do terreo ao 10% do investimento subvencionable total.

Para proxectos específicos de protección e mellora medioambiental poderase conceder unha axuda mínima dun 15% sobre a base subvencionable e ata un máximo do 30%.

10. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o esgotamento do crédito orzamentario, ou cando se publique a súa derrogación expresa.
11. INCOMPATIBILIDADES
A subvención ao investimento concedida para un determinado proxecto será incompatible con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape.
Será compatible, non obstante, con programas de axuda financeira do instituto como pode ser, entre outros, a subsidiación ao tipo de xuro e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados, sempre e cando o seu cómputo non exceda os límites permitidos para Galicia no Regulamento (CE) 800/2008, do 6 de agosto de 2008.

As subvencións aos custos de formación serán incompatibles con calquera outra axuda pública.

12. REFERENCIA LEXISLATIVA
Resolución do 12 de marzo de 2008 (DOG Nº55 do 18/03/2008) - Nova redacción das bases reguladoras dos Incentivos Económicos.
Resolución do 12 de marzo de 2008 (DOG Nº73 do 16/04/2008) - Corrección de erros
Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG Nº31 do 13/02/2009) - Modificación das bases reguladoras dos Incentivos Económicos
Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG Nº40 do 26/02/2009) - Corrección de erros da modificación das bases reguladoras
Resolución do 19 de novembro de 2009 (DOG Nº231 do 25/11/2009) - Apoios específicos á provincia de Lugo
Resolución do 19 de novembro de 2009 (DOG Nº231 do 25/11/2009) - Apoios específicos á provincia de Ourense
Resolución do 10 de xuño de 2010 (DOG Nº118 do 23/06/2010) - Ampliación orzamentaria
Resolución do 10 de xuño de 2010 (DOG Nº127 do 06/07/2010) - Corrección de erros
Resolución do 22 de xullo de 2010 (DOG Nº155 do 13/08/2010) - Derogación das axudas

13. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
Instituto Galego de promoción Económica (Igape) - Teléfono: 902300903
www.igape.es ou informa@igape.es

Tramitación segundo o establecido no capítulo II das bases reguladoras do s procedementos de tramitación das liñas de axuda do Igape.
14. OBSERVACIÓNS
1. Servizos de apoio. Con carácter complementario e en función do seu interese estratéxico, o Igape poderá prestar de oficio servizos de apoio previos ao establecemento de novos proxectos, a favor daquelas empresas que pretendan implantarse por primeira vez na Comunidade Autónoma.

Os ditos servizos, que non terán compoñente de axuda, poderán consistir, entre outros, en:
- Información e asesoramento dos trámites a seguir para a implantación do proxecto.
- Estudos necesarios para sustentar a decisión de implantación.
- Xestións de busca de localizacións idóneas para o proxecto.
- Tramitación ante organismos públicos de autorizacións ou permisos necesarios para a súa posta en marcha.
- Facilitar contactos con outras empresas ligadas á súa actividade.

2. Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, Municipios da Costa da Morte e Comarca de Valdeorras:
Para proxectos de primeira implantación en Galicia, garántese unha axuda mínima do 20% do investimento subvencionable. Para proxectos de creación de establecementos que non sexan considerados de primeira implantación, ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica, garántese unha axuda mínima do 15% dos custos subvencionables.

Nos proxectos de investimento empresarial o investimento mínimo previsto no artigo 4.1º da base de incentivos a proxectos de investimento empresarial redúcese a 200.000 €.

3. Provincias de Lugo e Ourense:
Para proxectos de primeira implantación en Galicia, garántese unha axuda mínima do 20% do investimento subvencionable nos proxectos previstos no artigo 4º.1 e para proxectos de creación de establecementos que non sexan considerados de primeira implantación, ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica do mesmo artigo, garántese unha axuda mínima do 15% dos custos subvencionables.
Nos proxectos de investimento empresarial o investimento mínimo previsto no artigo 4º.1 da base de incentivos a proxectos de investimento empresarial redúcese a 200.000€.
Elévase o límite máximo de acumulación de subvencións do 30% ao 50% para investimentos que realicen pequenas empresas, e ao 40% para medianas empresas.

Lugo: Estas medidas serán de aplicación ás solicitudes non resoltas presentadas desde o 24 de setembro de 2009

Ourense: Estas medidas serán de aplicación ás solicitudes non resoltas presentadas desde o 22 de outubro de 2009
 
 
IGAPE - Instituto Galego de Promoción Económica - * Aviso Legal